Críticas

Reproducimos algunhas das críticas e louvanzas que recibiron as obras de Darío Xohán Cabana.

A Trabe de Ouro, nº 100. Por Anxo Angueira.




A Divina Comedia en galego

Por Xosé Lois García, escritor. Sermos Galiza (18/03/2015)
 
Dante Alighieri toma de novo repercusión e autoridade no noso idioma, nunha elaborada edición desas que impactan ao bo lector e que aporta Edicións da Curuxa (2014). De renovada tradución de Darío Xohán Cabana, cunha ampla e profunda introducción, partillada en dúas temáticas: “Vida de Dante” e “A Divina Comedia”, con extensas notas a lado de páxina, creando un ordenamento estético que define a este libro dentro dun cadro espacial moi definido dando rigor e singularidade a unha edición ben pensada e estructurada.
"Un extraordinario e doloroso traballo que cando se asume e verificamos seus logros e resultados convértese en legado permanente para futuras xeracións asentadas na nosa fala".
Cando dicimos nova tradución da Comedia de Dante ao galego referímonos á superación daqueloutra, a primeira que traduciu Darío Xohán Cabana, cuxo formato non era dos mais manexábeis para o lector. Nestas lides, Darío é un excelente conductor dos grandes monumentos da poesía clásica como é Dante, Petrarca e outros grandes poetas italianos que foron traducidos por el ao galego. Un extraordinario e doloroso traballo que cando se asume e verificamos seus logros e resultados convértese en legado permanente para futuras xeracións asentadas na nosa fala.
O mundo editorial galego tan descoidado en traduccións, Edicións a Curuxa asume e transcende na superación destas carencias. Sen tradución de linguas orixinais cara o noso idioma a normalización lingüística non é posíbel sen percibir as grandes e universais obras sen espallalas entre o lector galego. No campo das traduccións cara o galego, comeza agora unha xeira nada tímida de obras universais, por parte de persoas que se decatan que o idioma galego se continúa ausente na recepción de obras e autores con impacto global. Esta ausencia significa non só un agravio senón unha desconxuntura que descontextualízanos das esixencias que os novos tempos requiren. 
Nesta cuestión, as administracións implicadas na normalidade idiomática miraron cara outros horizontes, desentendéndose do vital que representan as traduccións para un país como o noso, que precisa dun renacer vital e  intenso. Unha literatura creativa e ordenada precisa doutras experiencias creativas onde a tradución pode e debe ampliar varios campos literarios. Lamentablemente, os lectores en galego temos que pasar polo aro do castelán cando leemos a un autor noutra lingua. Esta especie de colonialismo se non se percibe ocúltase para intensificar a desfeita, por parte de consabidas administracións. Nesta dirección, as editoriais galegas non foron capaces de crear estructuras nen fomentar un ambiente propicio para ofrecer ao lector esas grandes obras ao noso idioma.
"Sen tradución de linguas orixinais cara o noso idioma a normalización lingüística non é posíbel sen percibir as grandes e universais obras sen espallalas entre o lector galego". 
As traduccións de Darío Xohán Cabana veñen a cubrir un espacio esquecido e deostado, cuns autores e cunhas versións que nos colocan no inicio dos inicios que non deben ser vulnerados polos que estamos nas trincheiras defensivas da lingua. Cabana é dos primeiros que nos trouxo os clásicos do Renacemento italiano ao idioma galego. Un traballo incansábel e esgotador que, necesariamente, precisa das dádivas do lector para fomentar outras entregas que, tal vez, o Darío teña en mente.
No eido dos desequilibrios de traduccións que temos os galegos, a tradución de A Divina Comedia en  galego leva seiscentos anos de atraso con respecto ás edicións en catalán, velaquí algunhas referencias: Bernard Fabrer traduciu e publicou no século XV A Divina Comedia por primeira vez en catalán, en 1878 Cayetano Vidal aporta outra tradución, en 1908 Antoni Bulbena-Tosell publica outra tradución, en 1921 aparece a de Narcís Verdaguer i Callís, en 1950 sorprende a versión de Josep Maria de Segarra. Acompañan a estas traduccións, xa míticas, outras tantas de actualidade que encontramos nas librarías catalanas. É así como se engrandece unha lingua e un país. Digamos de paso, que as editoriais catalanas, nos inicios do Modernisme e do Noucentisme, publicaron a tódolos clásicos, gregos e latinos; os grandes clásicos e modernos europeos e, aínda, a tódolos autores cristiáns da Patrística. Toda unha referencia para ser entendida en clave de país normalizado.
Os que leemos A Divina Comedia en versión castelán e portuguesa, cando un lee a versión galega de Darío Xohán Cabana non deixa de admirar todo ese tecido que non se desfigura do texto orixinal, engrandecendo a este. Un texto que nos fai comprender os tempos e os espazos polos que Dante Alighieri concentrou apoteóticos conceptos sobre as adversidades e conflictos da última metade do Século XIII e das primeiras décadas do XIV –período en que compón a Divina Comedia-. Nos tres iniciais versos do Canto Primeiro do “Inferno”, na versión de Cabana leemos: “No medio do camiño desta vida // acheime dentro dunha selva escura, // que a recta vía fora confundida”. 
"Unha tradución inxente que nos vén dun poeta notábel e escritor que cultiva diversas xéneros expresivos na literatura galega".
Como vén anota Darío, sobre estes versos: “A selva escura figura un período de extravío moral”. Versos que anuncian a decadencia medieval e o renacer dunha nova e esplendorosa época. Estas adversidades que anunciaban cambios as detectaron os grandes poetas, mais que os belixerantes dirixentes políticos e relixiosos. Na lírica galega medieval do século XIII, Airas Nunes, case contemporáneo de Dante, detectou eses tránsitos na vida social e moral que lle tocou vivir en Compostela, neste anunciado: “Porque no mundo mengou a verdade // puñei un dia de a ir buscar, // (...) Nos mosteiros dos frades regrados // a demandei, e dis[s]eron-m assi: // “Non a busquedes vós a verdade aquí// (...) outro camiño conven a buscar, // ca non saben aquí d’ela mandado”. Dúas versións ben concertadas sobre o cambio de época, a nova verdade de Nunes e o camiño escuro e temeroso de Dante anunciaron novas vías: axuste e renovo de época.
Unha tradución inxente que nos vén dun poeta notábel e escritor que cultiva diversas xéneros expresivos na literatura galega. A Comedia de Dante, en versión galega, achéganos ás grandes obras universais que deben ter presenza e cabida no noso idioma. Volver a Dante non deixa de ser un renovo gratificante.

 
Palabras maiores
X. L. Méndez Ferrín O Faro de Vigo 4.11.2013
A cidade de Lugo foi chamada augusta (ou de Augusto), aínda que xa non recibe tal honor. Recíbeno as Torres de Oeste, como observa Sarmiento con moito tino; pero non é o caso para agora ser tratado. Augusta, como adxectivo corrente e actual, acáelle moi ben á obra literaria de Darío Xohán Cabana Ianes.
De estilo grandioso, que sabe reducirse ao detallismo minimalizante, e mesmo ao silencio elocuente, a producción novelística, poética, ensaística, deste escritor de Terra Cha propiamente dita é un espazo liberado, como dicía o outro, do noso País. Debemos dar as grazas ao Destino por que determinou que o escritor se cruzase connosco nos camiños da vida e fose dos amigos. - moitas mercedes a ese mesmo Sino por obrigar o Darío a escribir obras grandes e abondantes nun galego que multiplicou para todos nós a súa munificencia.
Pero Darío Xohán Cabana quixo tamén traducirnos obras alleas e de tempos idos: tamén augustas. Seguiu el o camiño doutro importante autor: Álvaro Cunqueiro. Este verteu para o galego centos de poemas desde varias linguas de Europa, co que contribuiu a que os poetas de acó fósemos máis curiosos e máis viaxeiros nas nosas frecuentacións de distintos exotismos.

Darío foi máis alá. Foi ao Dante, e puxo a Comedia e mais outras páxinas de autor en galego. Dante en galego por Darío fai o efecto como que, nunha fúlgura alucinatoria, o Arno e a Arnoia confluisen manselín. No desamarre do Quixote, o crego censor determinou que a poesía non podía ser traducida en verso. O mentís que lle dá Darío a Cervantes é estrepitoso.

Como esquencer a monumental intervención do noso traductor na poesía dos Mestres de Occitania que, pola súa voz, cantan en galego xentil e en dúas modulacións cada un? - que decir do Cancioneiro do Petrarca en galego direito? Falando en ríos, eu fólgome moito ao ler no galego de Darío como o Petrarca se refire ao Sorga provenzal que tamén é o río de eu pillar as troitas con rede na miña infancia.

Así, sen esquencer Os Tres Mosqueteiros, a mellor novela de aventuras do mundo despois da Odisea e o Amadís. Foi chamado Darío Xohan Cabana a Italia para facer memoria do Dante. Ao regreso, Darío recibiu homenaxe en Lugo da Asociación de Traductores.



La Voz de Galicia: Culturas, 5/1/2013. Por Xesús Alonso Montero.





El Ideal Gallego, 27 de marzo do 2011. Por Xulio Valcárcel.





GRIAL, nº 191, xullo, agosto e setembro 2011. Por Leticia Eirín García.





FARO DE VIGO, 5 de marzo do 2011. Por Xosé Luís Méndez Ferrín.





FARO DE VIGO, 27 de agosto do 2011. Por Xosé Luís Méndez Ferrín.






Criticalia - 20.06.2011
Cantos de Occitania
Armando Requeixo

Hai libros nos que un avanza na lectura como quen se interna por El Dorado, descubrindo aquí e acolá tesouros de valor incalculable, admirándose dos anos que debeu levar labrar tanta alfaia.

Esa revelación, ese aglaio fulgurante foi o que sentín a medida que abocadaba as páxinas do monumental Os trobadores de Occitania, magna antoloxía da poesía trobadoresca provenzal realizada por Darío Xohán Cabana.

Quen coñeza a traxectoria como tradutor do autor chairego coincidirá comigo en que, quen con tanto acerto foi quen de verter á lingua de noso o divino Dante, o mestre Petrarca ou os poetas do Dolce Stil Nuovo é con certeza un dos máis grandes tradutores galegos da nosa época, probablemente o mellor no creativo dende que don Álvaro —Cunqueiro, xaora— nos deixou, pois o de Roás é tamén en moitos sentidos un seu avantaxado herdeiro literario.

Os trobadores de Occitania é, como dixen, unha moi ampla escolma de trobas provenzais. Mais é moito máis ca iso, pois vai precedida dun extenso estudo introdutorio no que se tracexa unha apertada e asemade exhaustiva síntese da cultura, a lingua e a literatura occitanas dos séculos XI ao XIII, período durante o cal a escrita de Oc foi o abraio de toda Europa, pois nela se cantou a mellor lírica do continente naquela altura.

Preto de duascentas cantigas de case un cento de trobadores, nunha coidadísima edición de traballada escolla ecdótica, con reprodución bilingüe dos textos, que figuran no provenzal orixinario e mais en galego, ofrecéndose neste último ademais unha dupla versión: unha literal para a pura decodificación comprensora e outra finamente elaborada, na que se xogou co metro e as rimas ata lograr no noso idioma unha traslación de grande altura estética.

Por se estes méritos non fosen suficientes, o libro incorpora un capítulo documentalmente moi informado de “Biografías e notas de edición”, onde se dispoñen xenerosas fichas biobibliográficas dos trobadores e dalgúns textos clave da lírica provenzal.

A obra péchase cunha moi completa bibliografía comentada, que inclúe ducias e ducias de entradas de fontes impresas e non poucos rexistros webgráficos, e dous índices finais, un xeral e outro alfabético de trobadores versionados.

Non me cabe dúbida ningunha de que dentro do ámbito peninsular obras como Os trobadores de Occitania son só comparables a outras empresas modélicas como a referencial Los trovadores: historia literaria y textos de Martín de Riquer e, fóra deste, apenas se algún título de François Zufferey (as súas Recherches linguistiques sur les chansonniers provençaux) ou o clásico dicionario de F. J. M. Raynouard (Lexique roman ou dictionnaire de la langue des trobadours) igualan en ambición e alcance á obra do galego.

Sigan a miña recomendación e non deixen de se facer con este excepcional Os trobadores de Occitania, que poden atopar nas súas librerías habituais baixo o selo de Edicións da Curuxa, acaidamente dirixido por Martiño Cabana Otero, ou solicitalo directamente na páxina edicionsdacuruxa.com

E é que cómpre atender os sabios consellos de Guiraut de Bornelh: “Mas a còr afranchar / que s’es tròp enduritz, / non deu òm los oblitz / ni·ls vèlhs fachs remembrar?”, ou na fermosa verba de Darío Xohán Cabana: “Mais pra o cór abrandar, / que se acha endurecido, / non cumprirá o esquecido / bon tempo relembrar?”. Relembremos, pois, os cantos da Occitania.

Blog de crítica literaria de Armando Requeixo (Criticalia): Cantos de Occitania.





www.xoseloisgarcia.com - 05.04.2011
Os Trobadores de Occitania
Xosé Lois García

Estréase Edicións da Curuxa cunha suculenta escolma dos trobadores occitanos, que nos ven do especialista nestes mesteres, Darío Xohán Cabana, poeta, narrador e académico. Coñecidas e admiradas son as traducións e as valiosas achegas de próceres renacentistas italianos como Dante e Petrarca. Tanto a Divina Comedia e Vita Nuova de Dante, como o Cancioneiro de Petrarca, así como a Antoloxía do Doce Estilo Novo, son entregas moi puntuais das que necesitaba o idioma galego e que nós veu da man dun grande estudoso e dun entusiasta tradutor como é Darío, escudriñador compulsivo e dador de obras universais das que precisaba a literatura galega.

Esta escolma, titulada: Os trobadores de Occitania, tan xenuína que emerxeu no chamado Midi francés, e espallou variadas tendencias por todo Europa. Os trobadores galegos tamén foron sensíbeis coa creación dos trobadores de Occitania. Neste proxecto de escolmar e traducir, está a sobriedade e o rigor que Darío Xohán Cabana nos ten acostumados a esa reciclaxee de modernidade que exhibe na nosa lingua.

Trátase dunha edición exuberante e sensiblemente traballada, que precisabamos os lectores galegos. Un volume que nos achega a preto de setecentas páxinas. Unha excelente introdución cronolóxica que nos leva a descuberta de elementos básicos para comprender as diversas escolas trobadorescas de Occitania. Nesa ampla discursiva preliminar, percorre o tradutor da escolma, varias temporalidades e espazos dos séculos XII e XIII; o difusionismo xograresco alén de Provenza, Lengadòc, Gascuña e Cataluña, xeografías onde os trobadores deixaron sensibilidade e pegada, no amor cortés, nas correrías de cabaleiros de cruzada, na personificación das altas damas que sempre foron referencia desa celebración amorosa e carnal. Os sirventés políticos onde magnates, reis e papas fican reflectidos con críticas que nos dan a medida de amplos conflitos e doutras circunstancias e litixios, típicos da Idade Media.

O traballo desta edición que deu ao prelo Darío Xohán Cabana, en edición bilingüe e con tradución literal, concédelle ao lector ese acceso aos textos orixinais e achega xuízos críticos sobre os trobadores escolmados. Os apéndices fornecen varios esclarecementos sobre esta escolma, na que se engaden as biografías dos oitenta e tres autores que conforman este libro.

A primicia de apertura desta escolma é a poesía dese grande mestre do ritmo e da harmonía na arte de trobar, como foi Guillerme IX, Duque de Aquitania. Despois de ter tantas edicións en innumerábeis traducións na maioría dos idiomas do mundo, faltaba no idioma galego, ben agora a suplir esa carencia, con toda a produción de Guillerme IX.

As mellores trobas e sirventés de Marcabrú esclarecen a alta calidade que este trobador difundiu pola Gascuña, nos albores do século XII. A nómina continúa con Bernat de Ventadorn, co catalán, Guilhen de Berguedan. Outro dos grandes representantes da poesía provenzal que neste libro ten fecunda representación, é Arnaut Danièl, o creador da sistina; proclamado e reiterado por Dante e Petrarca. Bertran de Born, deulles estilo e perfección aos seus cantares, formou parte de correrías militares e de conflitos varios, isto non lle quitou que a súa creación poética nos suxira esa alta dimensión de ser un trobador perfecto. Raimbaut de Vaqueiràs, outro dos grandes que deixou pegada na poesía do Cancioneiro Galaico-portugués. Outros como Perdigon, Pistoleta, Sordèl, Guilhem Montanhagòl, Peire Cardenal e Cerverí de Girona, entre tantos outros, proxectan xa na nosa lingua esa achega fundamental que nos faltaba. Hai moitas razóns para que Os trobadores de Occitania ocupen un alto apousento no noso idioma, partindo do esforzo de Darío Xohán Cabana.

Blog de crítica literaria de Xosé Luís García (www.xoseloisgarcia.com): Os Trobadores de Occitania.

Ningún comentario:

Publicar un comentario