mércores, 19 de xaneiro de 2011

Os Trobadores de Occitania

OS TROBADORES DE OCCITANIA
Escolma, edición e traducións de
Darío Xohán Cabana
Colección A nosa voz entenden, nº 1
638 páxinas, cartoné, 25 x 17 cm.
PREZO: 40 € IVE incluído
Distribución a librerías: EDITORIAL GALAXIA S.A.

Entre o ano 1100 e as décadas finais do século XIII a lingua occitana ou provenzal serviu de vehículo a unha poesía lírica de extraordinaria beleza e dunha complexidade e perfección formal superior á de todas as anteriores de calquera parte do mundo. Por outra banda, esta poesía traía consigo unha auténtica revolución do sentimento: a nosa concepción do amor naceu cos trobadores, e non só a concepción do amor, senón tamén a da liberdade sexual, e mesmo a semente da igualdade entre os homes e as mulleres.


A poesía dos trobadores occitanos está na base das outras grandes líricas europeas medievais, nacidas a partir dela e en boa parte grazas ao seu exemplo: a francesa en lingua de oíl, a alemá do Minnesang, e finalmente a galega que floreceu non só en Galicia e Portugal, senón tamén nos reinos de León e Castela. A través da experiencia do Dolce Stil Nuovo e do Petrarca, o espírito dos trobadores occitanos continúa sen interrupción na lírica do Renacemento e chega sen ruptura aos nosos días.


Esta escolma comprende máis de 180 poemas duns oitenta trobadores que van dende o duque Guillerme IX de Aquitania, auténtico fundador da poesía moderna europea, até o crepuscular Guiraut Riquièr, pasando por Jaufré Rudèl, Marcabrú, Bernart de Ventadorn, Raimbaut d’Aurenga, Guiraut de Bornelh, Guilhem de Berguedan, Arnaut Danièl, Bertran de Bòrn, a Condesa de Dia, Raimbaut de Vaqueiràs, Pèire Vidal, Uc de Sant Circ, Sordèl, Pèire Cardenal ou Cerverí de Girona.

A edición é bilingüe, cos textos occitanos establecidos e ortografados polo propio tradutor a partir das mellores edicións críticas, e cunha tradución en verso (que é a principal), feita á maneira das anteriores traducións poéticas de Darío Xohán Cabana, é dicir, en verso rimado, coma as d’A Divina Comedia, a Vita Nuova, o Cancioneiro de Francesco Petrarca ou a Antoloxía do Doce Estilo Novo. Ademais, acompáñase unha tradución literal para servir de chave de acceso á lectura dos textos orixinais. Os textos poéticos están precedidos por un amplo limiar histórico e literario, e seguidos por un apéndice no que, á parte das notas filolóxicas e eruditas convenientes para profundar nos textos, figuran biografías e análises críticas dos trobadores escolmados.

A parte central da obra, é dicir, a que contén os poemas, ten un deseño especial do propio autor, a catro columnas por plana, contendo as páxinas pares os textos orixinais e as traducións literais, en dúas columnas desiguais, e as páxinas impares, simétricas, as traducións en verso xunto con algunhas notas de lectura.

A poesía dos trobadores occitanos está aínda viva, e é un dos feitos fundamentais da historia literaria de Europa e do mundo. Para nós, os galegos, é aínda máis importante se cabe, pois a nosa poesía medieval, fundamento da nosa identidade literaria, é en certa maneira filla natural e lexítima dela. Esta antoloxía, unha das máis extensas que existen e única no mundo pola forma das súas traducións, é un recoñecemento desa débeda impagable.

Mostra dunha selección de páxinas: